Nova persoa soviética
A nova persoa soviética (ruso: новый советский человек, novy sovetsky chelovek), tal como foi teoricamente postulado na ideoloxía do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), era o arquetipo de persoa con calidades socialistas e altruístas que supostamente se volveu dominante entre a cidadanía da existente patria soviética. Por tanto, suxeríase que máis aló do longo transfondo cultural e étnico e da diversidade lingüística (herdados do Imperio Ruso), nacese un único pobo soviético e unha única nova nación dentro das fronteiras do Estado socialista.[1]
Pola súa banda, Lev Trotski, o organizador orixinal do Exército Vermello e un dos principais asistentes de Lenin durante a Revolución bolxevique, escribiu na súa obra “Literatura e revolución”:
”A especie humana, o perezoso Homo sapiens, ingresará de novo na etapa da reconstrución radical e converterase nas súas propias mans no obxecto dos máis complexos métodos da selección artificial [en oposición á selección natural darwiniana] e do adestramento psicofísico.[2] O home logrará a súa meta para crear un tipo sociobiolóxico superior, un superhome (Übermensch), se se quere”.
Trotski é tamén autor dunha afirmación moi ambiciosa: “Baixo o comunismo, un home medio podería chegar a ser un Karl Marx, un Aristóteles ou un Johann Wolfgang von Goethe, e por riba deses picos, cumes aínda maiores”. Por tanto, a cuestión referente á paulatina conformación dunha “nova persoa” xa xurdira nos primeiros días tras o triunfo da Revolución bolxevique.
Wilhelm Reich, pola súa parte, preguntouse:
“Reproducirase o novo sistema socioeconómico mesmo na estrutura do carácter da xente? De ser así, como? Serán os seus trazos herdados polos seus fillos? Terá el unha personalidade libre e autorregulatoria? Farán os elementos de liberdade incorporados na estrutura da personalidade innecesarias as formas de gobernos autoritarias?”[3]
A nova persoa soviética no estado comunista
[editar | editar a fonte]Os tres principais cambios postulados para a construción dunha eventual sociedade comunista eran económicos, políticos e relacionados coa personalidade humana. Esperábase que a persoa soviética fose altruísta, saudábel e culta, e que difundise con entusiasmo a “definitiva” revolución socialista. Entre os trazos cruciais e inescusábeis que se esperaban desa nova persoa soviética estaban a adhesión ao marxismo-leninismo e un comportamento individual consistente cos dogmas e as prescricións da devandita filosofía político-económica.
O filósofo soviético Bernard Bykhovsky escribe ao respecto que "o novo home está dotado, primeiro que todo, dunha nova perspectiva ética”.[4]
Un dos principais trazos da “nova persoa soviética” era o colectivismo altruísta, en oposición ao individualismo egoísta típico da sociedade burguesa e do capitalismo. Dito trazo xa fora exaltado e glorificado desde os primeiros días da URSS. Así o exemplifica o poema “Vladímir Ilich Lenin”, escrito polo poeta Vladimir Maiakovski en honra ao fundador do réxime soviético:
- Quen necesita a “1”?
- A voz de “1” é máis tenue ca un rechío.
- Quen a ouvirá?
- Só a súa esposa...
- “1” non ten sentido.
- “1” é cero.
Varios personaxes de ficción e obras de teatro relativas a celebridades contemporáneas soviéticas representaron os trazos culturais que se esperaban deste novo modelo de persoa socialista promovido pola URSS. No entanto, algúns críticos da Unión Soviética (mesmo dentro das súas fronteiras) argumentaban que o réxime comunista si creou unha nova clase de persoa. Porén, afirman que esta, que denominan ironicamente Homo sovieticus, era en moitas formas oposta á idealizada nova persoa soviética.
A Nova Muller Soviética
[editar | editar a fonte]Na década de 1920, xa no goberno de Stalin, o concepto da "Nova Muller Soviética" era análogo ao do "Novo Home Soviético". Porén, os seus roles eran considerabelmente diferentes aos da súa contraparte masculina. A complexa identidade, coa que xa viña cargando, viuse afectada cos cambios ideolóxicos da doutrina do partido cara a nocións máis conservadoras, vencelladas á familia e á maternidade. Tornouse, así, nunha "Supermuller" que tiña que cargar de maneira proporcionada con múltiples responsabilidades: cidadá comunista, traballadora a xornada completa, esposa e nai.[5]
A Nova Persoa Soviética, polo xeral, tiña características masculinas. A este respecto, na propaganda soviética, o papel protagonista correspondíalle aos homes, ben combatindo a oposición ao marxismo, ben reconstruíndo o mundo e a sociedade. Porén, as mulleres eran decote relegadas a un segundo plano, máis como beneficiarias pasivas da revolución que como garantes da mesma. Isto debíase en parte a que o movemento proletario estaba organizado principalmente por obreiros,[Cómpre referencia] de xeito que a propaganda adoitaba asociar o movemento proletario cos homes.Malia que dende o liderado do partido se reclamaba a garantía legal da igualdade entre homes e mulleres, o que constituía un logro notábel a ese respecto, os homes continuaban a ostentar a maioría do mérito.[6]
Esta exclusión na nova sociedade que se estaba a desenvolver fixo que as mulleres tivesen dificultades para atoparen o seu lugar no seo da clase proletaria. A lexislación da NEP respecto do traballo das mulleres en condicións de risco, as duracións das súas quendas e os coidados específicos durante a maternidade levaron a que moitos dos propietarios das fábricas tivesen reticencias para contratalas. Isto deuse malia que o Comisariado de Traballo estabelecía o acceso das mulleres e dos homes por igual ao traballo.[7]
Con todo, conseguíronse melloras na diminución do analfabetismo e a educación das mulleres na década de 1920. A política da URSS incentivou a escolarización e a formación profesional das mulleres obreiras. Tiñan opción a participar na política, tanto como militantes como competindo por cargos electos e administrativos. Porén, o acceso das mulleres á esfera política estaba moi limitado.[8]
As políticas de Stalin relativas ás mulleres eran moito máis conservadoras cás do seu predecesor, Lenin. Preocupado polo descenso da poboación, Stalin restoulle importancia á perspectiva feminista do marxismo dentro da sociedade, a cal buscaba a liberación da muller das poutas do patriarcado e do capitalismo. En liña cos principios do partido, Stalin reafirmou a importancia da muller obreira e da súa educación, en especial no referido á alfabetización. Porén, fixo especial fincapé no rol de nai da muller, ao contrario do que se viñera facendo durante a década de 1920.[8]
O "murchamento" da familia deixou de ser un obxectivo do progreso económico e político. A nova liña do partido era que a familia, igual có Estado, debía fortalecerse mediante o desenvolvemento do socialismo na súa plenitude. Empregouse a propaganda de xeito masivo para vencellar a alegría froito da maternidade cos beneficios do goberno soviético.[8] A ideoloxía soviética comezou a admitir que a vida pública da muller era compatíbel cos seus roles de nai e esposa, e que, de feito, ambas vertentes reforzábanse mutuamente e facían que as mulleres fosen verdadeiramente mulleres.[9]
O concepto de "Nova Muller Soviética" sufriu cambios notábeis respecto da década anterior a 1930. No canto de ser liberada das funcións domésticas, convertéronse nunha obriga para elas. Non só formaba parte da clase obreira en igualdade de condicións co home, senón que tamén debía ser exercer como compañeira deste no fogar. [5] Ser nai era un dos principais papeis da Nova Muller Soviética, e cobrou grande importancia durante a década de 1920, cando comezou o decrecemento da poboación. A legailzación do aborto e o crecente uso de métodos anticonceptivos na década de 1920 tamén foron factores que contribuíron ao descenso demográfico, pois as mulleres traballaban máis e procreaban menos.[10]
Co obxectivo de paliar esta situación, a propaganda incidiu na importancia do papel da muller para perpetuar o réxime comunista, con políticas a prol da natalidade, dirixidas tanto a mulleres do ámbito urbano como do rural. A propaganda urbana asociaba a reprodución cunha sexualidade feminina saudábel. Pola súa parte, a propaganda rural incidía no coito co simple obxectivo de procrear.[10]
Durante a década de 1920, xa no goberno de Stalin, as políticas soviéticas obrigaban ás mulleres a limitaren as súas aspiracións profesionais para cumpriren co seu rol duplo de obreira e ama de casa. As mulleres tiveron que soportar a presión durante o stalinismo, ben por teren restrinxidas as súas aspiracións profesionais, ben por teren que limitar o tamaño da familia. Malia os atrancos, neste período as mulleres de clase baixa tiveron novas oportunidades. Tiveron voz nos debates e no Zhenotdel, a sección feminina do Comité Central entre 1919 e 1930. En definitiva, déronse pasos importantes no obxectivo de aumentar a influencia das mulleres soviéticas nos eidos político, social e económico.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nikolái Ustriálov, (“Da Arquivado 02 de outubro de 2023 en Wayback Machine.Nova Política Económica ao socialismo soviético”, 1934 (en ruso).
- ↑ Richard Pipes, Communism: A history, 2001, ISBN 0-8129-6864-6, pp. 68-69.
- ↑ Wilhelm Reich, The mass psychology of fascism (“A psicoloxía de masas do fascismo”), capítulo 8, Masses and the State (“As masas e o Estado”).
- ↑ Bernard Bykhovsky, O novo hombre na creación, Editorial Agencia Novosti Press, Moscú.
- ↑ 5,0 5,1 Barbara Evans Clements, Daughters of the Revolution: A History of Women in the U.S.S.R. (Illinois: Harlan Davidson, Inc., 1994), 73.
- ↑ Barbara Alpern Engel, Women in Russia: 1700-2000 (Cambridge University Press, 2004), 150.
- ↑ Barbara Alpern Engel, Women in Russia: 1700-2000 (Cambridge University Press, 2004), 153.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Gail Warshofsky Lapidus, Women in Soviet Society: Equality, Development, and Social Change (University of California Press, 1978), 112.
- ↑ Gail Warshofsky Lapidus, Women in Soviet Society: Equality, Development, and Social Change (University of California Press, 1978), 115.
- ↑ 10,0 10,1 Barbara Alpern Engel, Women in Russia: 1700-2000 (Cambridge University Press, 2004), 161.
- ↑ Barbara Alpern Engel, Women in Russia: 1700-2000 (Cambridge University Press, 2004), 165.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Herschel e Edith Alt, The new Soviet man. His upbringing and character development (“O novo home soviético. A súa crianza e o desenvolvemento da súa personalidade”), Bookman Associates, Inc., Nova York, 1964.
- M.A Kheveshi ou M.A. Jeveshi (М.А. Хевеши), Толковый словарь идеологических и политических терминов советского периода (transliterado como Tolkovy slovar ideologuícheskij i politícheskij términov soviétskogo períoda, “Dicionario explicativo dos termos ideolóxicos e políticos do período soviético”), Mezhdunarodnye otnosheniya, Moscova, 2002, ISBN 5-7133-1147-3 (en ruso).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Artigos relacionados coa Unión Soviética:
[editar | editar a fonte]Non relacionados coa Unión Soviética:
[editar | editar a fonte]- Homo novus
- Soño americano (American dream, “soño estadounidense”)
- Übermensch